Marco Maril aspirou fondo alí onde era máis probable que o mar arrecendera, e cos pulmóns enchidos de salitre e o corazón aberto ás emocións compartiu o primeiro directo da súa nova creación «15.11.18″. Aconteceu abordo dunha embarcación chamada Babuxa, seguro que o nome non é casual, na enseada de San Simón. A babuxa tomara a ría enteira nesta mañá de verán e colocara a cor de prata na enseada, ofrecendo así unha estampa tan fermosa coma cando o sol asolaga de azul e verde o mesmo lugar. “La gran mentira” achegounos a ese recuncho íntimo, no que cada quen reflexiona sobre a dor inherente a unha decepción… rematando esa primeira canción xa era tal a comuñón do público co artista, que mesmo os aplausos entraron con timidez, temerosos de fender un momento tan especial. Pero era importante seguir e Marco pasou páxina, os aplausos creceron en intensidade e para homenaxear a Lorca, e a Agnès Varda, e con ela ao mar, acompañou a súa maxia coa do violonchelo de Macarena Montesinos e coa voz delicada de Íria Vázquez. E así como o concerto avanzaba, de pronto, fun consciente de que acababa de atopar o meu momento de calma, esa calma que tanto aprecio no meu mar de vida particular, porén nada fora do común en tempos que corren sempre a bulir. E o azar fixo que unha raxeira chegara no momento preciso no que os artistas, para finalizar, proclamaban con forza que hai luz, que hai moita luz… Que así sexa. Que a luz gañe sempre á escuridade e o mar siga a inspirar a creación.
P.S. Grazas Ana!!
Autor: Rosa
(Presentación de «15.11.18» en la actividad Escenario Ensenada del Festival Sinsal)