Este 25 de xullo, Día de Galicia, atopámonos de casualidade coa nova de que Milladoiro ían tocar esa mesma tarde, gratis, nun concello bastante cerca de Vigo, en Covelo. Concretamente ían tocar amenizando a tarde durante a Festa do Churrasco de Covelo, dentro das actividades organizadas e patrocinadas por Musigal, proxecto da Deputación de Pontevedra que busca promocionar a música galega e en galego.
Non se nos ocurre mellor xeito de celebrar o Día de Galicia que escoitando un concerto de Milladoiro, unha banda que levou o folk e a música tradicional galega con orgullo por todos os escenarios do mundo durante máis de corenta anos. Así que fixemos plan e fumos a Covelo.
Tampouco se nos ocurre mellor xeito para celebrar o Día de Galicia que o que alí nos atopamos. No Campo da Feira de Covelo, un fermoso lugar entre grandes árbores encravado nunha pequena e fermosa vila, estábase a celebrar unha romaría coma as que nós coñecíamos de pequenos. Milleiros de persoas en longas mesas corridas, todavía disfrutando de churrasco, empanada, chourizos, viño, e os máis xa rematando a paparota e dándolle ao café de pota e ó licor café.
Nese escenario transcurríu o concerto de Milladoiro, que repasou sobre todo as cancións dos seus discos máis recientes, pero que tivo tempo de recuperar muiñeiras, foliadas e xotas que levantaron o ánimo dos comensais e arrincaron varios bailes dos asistentes, dende rapaces de uns dez ou once anos ata xóvenes bailaríns que pasaban seguramente os oitenta. Un verdadeiro luxo pasar a tarde do Día de Galicia na compaña dunha banda mítica, escoitando as melodías que dende as terras de Galicia se espallan por todos os mares e máis alá das montañas.