0

Recuperar a gratitude

23 noviembre, 2020
Share

Terceiro intento. Perdín a habilidade. O tempo que había que non afrontaba o desafío de debuxar con palabras as ideas atribuladas na miña cabeza! As que afloran das emocións nas ocasións nas que a música me vai directamente dende os oídos ao corazón. Levo tempo sen ter prestado atención bastante. Agora cústame tanto enfiar as palabras, chegar mesmo a saber o que quero dicir, e si é que chego a dicir algo!

Os anos foron pasando con cancións que poñían melodía a momentos que ficaron como lembranzas, aos meus pensamentos. Eu, inconscientemente ingrata, deixei por un tempo que aquelas me fixeran a vida máis agradable, que soaran ao meu redor sen prestarlles a atención que merecían… como ás veces facemos tamén cos amores das nosas vidas. Quen non ten pasado un tempo sen prestarlles a atención e os coidados que merecían? E xa postos a recoñecer esta aciaga tendencia natural das persoas a desatender mesmo aquelo que amamos profundamente, xa postos a recoñecer a nosa ingratitude, podemos poñer tamén na saca das nosas culpas a desatención á lingua. Talvez tiña que terse xuntado todo para que unha faísca prendera no meu pensamento a ansia por escribir novamente un pouquiño e para falar das músicas que me arrolan na vida, que me achegan máis aos que eu quero, desta vez, ademais con letras en galego.

A faísca veu da man do aniversario do noso casamento, o meu amor agasalloume dous discos de Os Amigos dos Músicos dos que falaramos xa varias veces na casa: Segundo Fogar (Todomedre, 2019) e OADM (Gran Derby, 2016). Hai varios anos que os descubrira e andaban por aí, como dicía, arrolándome a vida cando cadraba que os escoitaba, buscando as súas cancións en internet ou casualmente emitidas na radio, mais nunca lles prestara a atención debida, ate agora, que están a poñerlle banda sonora ao meu outono do 2020.

Este verán que non deu para moito desfrute, unha tarde, por azar, demos cun documental que estaban a poñer na tele sobre Andrés Dobarro. Casualmente neste mes de novembro saíu tamén á luz un dobre CD con algunhas cancións inéditas deste grande (“Andrés Dobarro, Su disco perdido y sus grabaciones en Belter (1973-1975)”, Ramalama Music). El fora quen de facer que as súas cancións en galego se escoitaran e bailaran en todo o estado español e mesmo no estranxeiro, isto nunha época na que reivindicar o galego e a Galicia, non era precisamente unha maneira de gañar o favor de quen dirixía o estado con man de ferro. Mágoa que os responsables de editar este disco, non tiveran a delicadeza de poñerlle o título en galego.

Co devezo de non deixarme novamente vencer pola inercia da ingratitude estiven a explorar e atopei moitas outras belezas coas que arrolar os meses vindeiros: Son trío de “Miña Almiña”; Laura Lamontagne & Picoamperio con “Ondas do Mar de Vigo”; Devalo con “Neve de Maio”; Baiuca con “Adélia”, por referir so algunha das xoias que saíron neste ano 2020 que ben merecen ser destacadas, por darnos osíxeno para a alma, neste ano tan terrible.

Paréceme agora un chiste lembrar debates de hai tempo e preguntas ós músicos que coñecíamos enfrontándoos a unha dicotomía artificiosa: a música popular independente en castelán ou o indie-pop en inglés?… Que a música se cree no idioma que saque o mellor dos músicos, que lles permita poñer o sentimento nas súas creacións. Agora ben, que quen sinta a necesidade de expresarse en galego, non atope por isto barreiras nin para facer o seu traballo nin para que ese traballo chegue a cantas máis persoas mellor, de dentro e de fóra de Galicia. Aos artilleiros de linguas convén dicirlles que o que é vehicular neste país e en calquera outro, non é necesariamente o idioma, senón a intención honesta de comunicarse, de transmitir e de conectar ás persoas que queren facelo. So os necios, acomplexados da súa fala, precisan de artificios, de estacas para marcar o territorio de onde debe falarse nunha ou noutra.