
Acabamos de recibir o disco «Histórias cativas» (Ukelixo, 2022) dos composteláns Ukestra do medio, e dende o primeiro xiro parécenos que vai a ser unha das sorpresas deste ano.
O terceiro disco deste grupo tan particular agocha unha manchea de cancións fantásticas, abrazadas a preciosas melodías que non se deixan ocultar entre os sons e os arranxos que forman a carapuchiña sónica elexida por Ukestra do medio para vestir a súa música. «Paipo» é un instrumental con aroma a vellas rúas e calexóns. «Tanto se amavan» (poema musicado de Ricardo Carvalho Calero) é un conto que podería estar sin problema en discos como «Entresemana» de Le mans ou o «Popemas» de Nosoträsh. «Vendeu-no todo» é unha peza de bluegrass que nos trae á memoria os últimos traballos de Family folks. «Sonhos» é unha versión da optimista canción de Ruxe ruxe. «Imitación á vida» é un maravilloso bolero a medio tempo, cunha letra chea de fermosas referencias. «Onde vam?» é unha canción eminentemente pop na súa melodía. «Fove foot two, eye of blue» é unha versión dunha peza de swing dos anos 20. E, para rematar, «Promesas», outro tema pop marcado por un ritmo amoroso e delicado.
«Histórias cativas» é un disco que pecha, quizáis, un pequeno círculo que uniría a Ukestra do medio coas cancións máis minimalistas de Apenino e os discos de Os amigos dos músicos. Unha fantástica compañía coa que andar.

1 Response
[…] O terceiro disco deste grupo tan particular agocha unha manchea de cancións fantásticas, abrazadas a preciosas melodías que non se deixan ocultar entre os sons e os arranxos que forman a carapuchiña sónica elexida por Ukestra do medio para vestir a súa música. (Más) […]